Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Lousame homenaxea aos xogadores/as da Asociación Deportiva Cruído polo seu ascenso á Primeira Alevín


Teresa Villaverde salientou o esforzo e o traballo realizado durante toda a temporada por xogadores, club deportivo e familias

O Concello de Lousame realizou unha homenaxe aos xogadores e xogadoras alevíns da Asociación Deportiva Cruído pola súa extraordinaria campaña deportiva, culminada o pasado mes de maio co ascenso á Primeira Alevín. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Deportes, María Regenjo, recibiron aos xogadores/as e equipo técnico e directivo da AD Cruído no salón de plenos municipal, un acto ao que se sumaron gran parte das familias.

Villaverde Pais felicitou a todos os presentes pois “o ascenso á Primeira Alevín non é máis que a recompensa a todo un ano de esforzo e polo que merecedes un aplauso tanto os xogadores como os vosos pais e nais e os responsables da AD Cruido”. A alcaldesa de Lousame pediulles aos pequenos que “valoredes o esforzo dos vosos pais e nais, que teñen que acompañarvos a xogar e adestrar, e tamén quero que valoredes todo o que traballo que hai detrás dos vosos adestradores e directivos do club, e que o día de mañá sexades vós quen vos impliquedes na sociedade formando parte da directiva dun club, dunha asociación de veciños, dunha comunidade de montes ou calquera outra iniciativa”.

Pola súa banda, María Regenjo salientou os beneficios do deporte de base, “pois se adquiren uns valores fundamentais como o compañeirismo, o traballo en equipo, o afán por superarse…”. Así mesmo, agradeceu a colaboración da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que ofreceu unhas camisetas cun deseño especial como agasallo para os xogadores e xogadoras do Cruído. A maiores, todos os pequenos levaron cadansúa medalla conmemorativa do ascenso e un balón de regulamento, o agasallo máis agardado polos rapaces e rapazas, que antes do inicio do acto non deixaban de preguntar se aqueles balóns que se intuían ao fondo eran de verdade ou só eran de atrezzo.